A Carballeira de San Fiz e a sensibilidade do Concello
(8/8/07) Desde a Asociación queremos facer público o noso rexeitamento ante a decisión do Concello que permitiu a desaparición doutro lugar emblemático para Lugo como era a Carballeira de San Fiz, un lugar con especies centenarias na que os veciños do barrio celebraban as súas festas e que como consecuencia dunha nova falta de vontade para buscar alternativas por parte do Concello, xa pasou a formar parte da historia.
Como se podía ler recentemente nos medios, sendo Lugo unha cidade coa posibilidade de contar con numerosas áreas verdes en zona urbana, vemos como estas desaparecen pola falta de sensibilidade mostrada polo Concello na nosa cidade durante demasiados anos.
Non son novas estas actuacións que evidencian o criterio dos políticos que nos gobernan, porqué xa fomos testemuñas de como as beiras do Miño foron o mellor lugar escollido para un centro comercial ou o Recinto Feiral, ou de como foi posible edificar nun lugar que se debera destinar ó lecer e o paseo como era a mediana da Ronda das Mercedes.
Os anos pasan e as actitudes non cambian, polo que tampouco nos sorprende demasiado que fora posible a desaparición desta carballeira centenaria por parte dun equipo de goberno sen vontade de buscar unha solución a edifición nas Costas do Parque, capaz de retirar a golpe de piqueta os escudos de cerámica que formaban parte do pedestal da matrona na plaza de Avilés, e que semella acatar polo seu silencio a opción de Fomento para a nova ponte como a única viable, sen apreciar outro espacio verde como o é Parque Marcos Cela.
Triste, moi triste, pero o peor de todo e que aínda que moitos políticos pasen… o patrimonio que se perde en Lugo xa nunca voltará.
< voltar
|