Réplica ao artigo de Suso Varela en La Voz: 'Ruído'
(15/9/07) Na súa columna de xoves 13 de setembro titulada 'Ruído', fai vostede unhas declaracións que desde a Asociación na defensa do Parque Rosalía de Castro só podemos entender como froito da súa falta de información, algo realmente preocupante nun xornalista, sobre todo na nosa cidade, pois basta cunha simple chamada telefónica para porse ao día.
Na mesma xornada onde vostede se pregunta polo parón das reivindicacións cidadás, o seu xornal publica a próxima mobilización contra as explotacións mineiras dá terra Cha, a semana anterior, SOS Courel presenta 21.000 firmas na Xunta de Galicia contra a degradación dese espazo natural, e o luns dia 10, desta mesma semana, a nosa asociación presentou un contencioso administrativo contra a edificación nas costas do Parque, accións todas elas que requiren algo máis que 'mover un dedo'.
Acúsanos de estar politizados, coma se a política fose monopolio duns señores que cobran por lexislar, non acatan as leis que eles mesmos redactan pero si se preocupan de consolidar prebendas e soldos vitalicios para cando xa non estean na política.
Desde a nosa asociación pómonos á súa disposición para explicarlle o traballo realizado durante máis de dous anos, polo que non só non cobramos, senón que nos produce gastos, e que coñeza a situación a día de hoxe, podendo así opinar con coñecemento de causa.
Marcos Bourio Corral
Asociación pola defensa do Parque Rosalía
Ruído, Suso Varela
(publicado en 'La Voz', 13/9/07)
Foise co vento. Así se podería resumir o número de protestas, informes, notas de prensa, cabreos, chamadas de teléfono, rodas de prensa, campañas informativas e demais que durante o primeiro semestre do ano se viviu en Lugo e que agora xa ninguén se preocupa delas.
Fagamos un repaso: ¿Que hai de novo sobre Icomos e o seu informe sobre o cuartel de San Fernando? ¿Sabemos algo do auditorio? ¿Por que era tan importante paralizar un proxecto aprobado logo de moito tempo e agora non sabemos nada a cambio?
Seguimos: ¿Que quedou das manifestacións, pancartas e reunións veciñais sobre a nova ponte do Miño e o dano que podería facer ao parque Marcos Cela? Hai un mes Fomento xa falou sobre este proxecto e apenas se levantaron voces tan altas como as de inicios de ano.
Proseguimos: ¿Que lle pasou ao parque Rosalía de Castro? A imaxe que amosa segue a ser bastante mellorable. Ademais, ¿U-las torres que van tapar a paisaxe? Supoño que o problema de hai seis meses seguirá sendo o mesmo agora.
Última perla: ¿Que foi daquelas mobilizacións contra o cemento e o urbanismo salvaxe? Que se saiba, desde xullo comezaron importantes desenvolvementos urbanísticos con repercusión no medio e, salvo Adega, ninguén moveu un dedo.
Conclusión: Todo nesta vida comeza a estar politizado, que os cidadáns quedan perplexos ante este tipo de protestas electorais (igual cas promesas), que se deteriora a vida democrática e que queda menos para que comece unha nova traca. < voltar
|