Acto sobre o PXOM de 'Lugo: a mellor cidade do mundo!!!'
(24/1/08) Coa asistencia dunhas 400 persoas, o xoves 24 tivo lugar no salón de actos do Instituto Politécnico o primeiro acto da plataforma 'Lugo: a mellor cidade do mundo', convocado por ADEGA, Amigos do patrimonio de Castroverde, O Carballo, Asociación pola defensa do Parque Rosalía, Valle-Inclán, Federación de Asociacións Veciñais, LugoPatrimonio e UNAVE (Unión de Asociacións Veciñais). Nel coñecimos a perspectiva que do PXOM teñen os veciños, as carencias medioambientais que presenta, a problemática dos Parques Rosalía e Marcos Cela ou a conservación do patrimonio.
Ante a falta da información sobre o novo PXOM, tralos cambios sustanciais ó que foi sometido pola nova configuración do goberno municipal, a plataforma xurde pola necesidade de coñecer estas modificacións así como pola falta de resposta as máis de 6.000 alegacións presentadas polos veciños. 'Lugo: a mellor cidade do mundo!!!' xurde tamén para ser lugar de encontro e punto de debate permanente do movemento asociativo lucense, para transmitir ós seus representantes o modelo que queremos para a nosa cidade. Ó acto foron invitados os 25 concelleiros do equipo de goberno e entre os asistentes se atopaban representantes do Partido Popular, BNG e Esquerda Unida, se ben non asistiu ningún concelleiro do PSOE. Dicir que tamén se botou en falta a presencia de representantes das Consellerías de Política Territorial, Vivenda ou Cultura, que tamén foron invitados ó acto.
Tralas exposicións dos membros das asociacións e do presidente do Colexio de Arquitectos, tivo lugar un amplio turno de intervencións e debate entre os asistentes.
< voltar | web Lugo: a mellor cidade do mundo!!!
|