español | mapa web
asociación pola defensa do Parque Rosalía   segue en curso o contencioso para evitar esta imaxe + de 11.000 firmas
novas
a asociación
sinaturas
campaña BIC
xa asinaron
novas
imaxes
actuacións
¿por qué?
contencioso
textos
axúdanos-te
descargas
burradas
os soldos
ligazóns
contacto
 
 

Por un PXOM transparente. Por unha nova exposición ao público: Pleno Cidadán
Por un PXOM transparente. Por unha nova exposición ao público: Pleno Cidadán(4/3/08) Coincidindo coa celebración dun Pleno ordinario do Concello, a Plataforma 'Lugo: a mellor cidade do mundo!!!' celebrou un 'Pleno Cidadán', para denunciar a indefinición no proceso de tramitación do Plan Xeral, debido á falta de transparencia por parte do Concello: as máis de 6000 alegacións dos veciños inda están por respostar e non se ten información oficial da data de aprobación provisoria do Plan e a resposta ás alegacións. Nós consideramos que do que se debe estar a falar no Concello é das alegacións e dos cambios que se introduciron no documento inicial, así coma da súa nova exposición ao público logo das modificacións considerábeis que ao parecer se fixeron. Por isto, organizamos un pleno moi particular: media hora antes da convocatoria de pleno da corporación municipal, nós convocamos o 'Pleno Cidadán': os colectivos que integran a plataforma fixeron unha exposición resumida das alegacións presentadas por cada un deles, facéndose ouvir alí por uns políticos moi 'particulares': como se pode ver nas imaxes, o Sr. Alcalde acompañado dos seus concelleiros do goberno o Sr.Besteiro e Sr.Liñares, así coma os voceiros dos grupos da oposición, o Sr. García Díez e o Sr. Lage Suárez estaban tamén alí, algún deles moi preocupado polo futuro duns terreos pendentes de recualificar…

Así pois, deu comezo un Pleno Cidadán no que se expuxeron as medidas a tomar: respecto ás edificacións xa existentes e á fisonomía dos barrios, a situación da Pranta de Compostaxe, a entrada do AVE, a protección das carballeiras e dos cauces fluviais e conservación das ribeiras do Miño, a eliminación desa nova 'autovía' coa que se proxectaba unir O Ceao coa Louzaneta, o crecemento proporcionado dos núcleos rurais e a protección e catalogación do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo foron as reivindicacións que se presentaron, ante a atenta mirada dun nutrido grupo de concorrentes.

Semella que a realización deste acto de protesta non caeu en saco roto: pouco despois, no pleno oficial, os tres grupos políticos con representación no Concello acordaban o sometemento a aprobación provisoria en abril… a ver se desta vai.

Dende a Plataforma 'Lugo: a mellor cidade do mundo!!!' seguiremos a demandar transparencia e información á cidadanía, unha nova exposición ao público para que os veciños e veciñas saiban que modificacións se introduciron no PXOM e en que medida lles afecta e a resposta ás alegacións que presentaron.

Por iso nos manteremos vixiantes e continuaremos a realizar actos de protesta coma este pasado 'Pleno Cidadán', pedindo que os cidadáns e cidadás coñezamos o Plan antes de que sexa aprobado, demandando que as decisións tomadas traspasen os muros do Concello e que se teñan en conta os verdadeiros intereses dos veciños e veciñas do concello de Lugo e non só os duns poucos.

< voltar | web Lugo: a mellor cidade do mundo!!!

       
Asociación pola defensa do Parque Rosalía |