Anulado o plan urbanístico do proxecto nas Costas do Parque
(21/9/09) Desde a Asociación pola defensa do Parque Rosalía, queremos darvos a que para todos gustaríanos fose a mellor das noticias desde que, fai máis de tres anos e medio, empezamos a nosa actividade para evitar o que case todos sabiamos que era un despropósito e un dos maiores erros urbanísticos que se podían cometer en Lugo. É para nós unha inmensa alegría podervos informar da sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso de Lugo, na que se anula o proxecto de urbanización da unidade de actuación CS-5 nas Costas do Parque Rosalía, un polémico proxecto que tamén está pendente de resolución doutro contencioso, presentado o pasado ano pola Consellería de Cultura.
Nesta actuación contabamos con diversos argumentos para crer que o noso traballo ía en boa dirección, xa que resultaban contrarios ao proxecto o informe emitido pola Consellería de Cultura, o informe da Comisión de Patrimonio, o informe emitido polo perito xudicial, o informe da asesoría xurídica da Xunta, así como o Ministerio de Fomento que tamén indicaba a existencia de perímetros de protección que non foran respectados. A estes informes tamén nos gustaría engadir o sentido común, que non sempre está presente, pero é esta sentenza a que finalmente pon de manifesto a ilegalidade das obras previstas. Agradecervos o apoio que en todo este tempo expresáronnos moitas persoas e colectivos que nos deron a seguridade de que, o sentir da maioría de quen vivindo ou non en Lugo, era o de que este proxecto non debía seguir adiante nin tan sequera chegar a este punto.
< voltar | sentenza do Contencioso | información de 'La Voz' | información de 'El Progreso'
|