A asociación non participará na reunión da CS-5 convocada polo Concello
(3/3/10) A continuación podedes ler a nota remitida ao Concello de Lugo na que asociación expón os motivos polos que non acudirá a reunión convocada para o próximo día 4 de marzo. A falla de vontade mostrada neste tempos para buscar unha solución aos problemas legais da unidade CS-5 así como de República Arxentina 8, a demora e posterior cambio de data desta segunda reunión e a escasa capacidade mostrada para a resolución dun conflicto que pode traer perxuicios moito maiores a Concello, promotor e compradores, fai que a asociación decida non acudir a mesma e seguir na vía xudicial.
CONCELLO DE LUGO
Sr. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO
Ref.CS-5 reunión
Excmo Sr. Alcalde:
Con data 22-2-2010 comunícasenos unha anulación da convocatoria de reunión do 23 de febreiro para intentar solucionar a zona CS-5, e trasládase ao día 4 de Marzo, tendo que manifestar os grandes inconvenientes creados, pois o noso avogado xa se desprazou a Lugo para a mesma.
Ante estes feitos, temos que manifestar:
-
Ante a informalidade de datas, xa que na primeira reunión díxose que en xaneiro sería a segunda, a escasa marxe do aviso recibido e pouco traballo por parte do Concello na resolución do caso, ademais de non poder asistir co noso avogado, declinamos a invitación á mesma.
-
Ao non acatar o Concello a orde de paralización de Cultura da Xunta de Galicia vemos que os problemas, no canto de solucionarse estanse agravando, pois o non cumprimento da mesma pode dar lugar a situacións dramáticas a familias, administracións e promotor, provocando posibles indemnizacións de alcance moi superior que se se cumprise devandita orde xa que o Alcalde é, por Lei, o responsable de facer cumprir a lexislación vixente.
-
Por esta mesma tardanza, atopámonos cun novo e grave problema engadido na obra realizada en República Arxentina nº 8, denunciada en repetidas ocasións pola nosa asociación. Da devandita obra, solicitouse por parte desta asociación ao Concello unha revisión de oficio. Esta revisión foi rexeitada polo Pleno Municipal, sorprendéndonos enormemente xa que se todo está ben, non hai nada que temer, e se está mal, poderíanse atallar os graves problemas a cidadáns e administración que se deriven da mesma. Cremos que unha administración transparente debe recoller estas peticións antes de que teña que actuar a Xustiza. A pesar de ver rexeitada esta revisión, si recibimos o amparo do Tribunal Superior de Xustiza De Galicia, que nos admitiu a trámite dous contenciosos, e outra do Tribunal do Contencioso de Lugo que tamén admitiu a trámite outra das nosas demandas, polo que cremos hai tres motivos fundamentais que poderían anular de pleno dereito esta edificación.
-
Cremos pois que houbo pouco traballo, e a simple desculpa de levantar un estudo topográfico é absurda, xa que este ten que estar recollido anteriormente na Licenza outorgada.
-
Consultando aos nosos asesores legais, e dado que hai unha sentenza a favor das nosas peticións, cremos que calquera acordo tomado na devandita reunión, sen acatar previamente o acordado pola lei, será nula de pleno dereito.
-
Cremos que a solución a estes problemas pasaría por un traballo moito maior e eficiente, resolvendo en conxunto CS-5 e República Arxentina 8, pero dada a lentitude de reacción por parte do Concello, dubidamos da capacidade que teñen para resolver a complicada situación e aínda non sabemos se son conscientes da gravidade da mesma.
-
A nosa asociación leva anos propondo negociar unha solución viable para todos antes de iniciar as accións xudiciais, e iso sábeno numerosos Concelleiros aos que transmitimos o problema, comunicándolles que canto máis tarde se aborde o asunto, as complicacións serán maiores, véndose agora o Concello nun problema que cremos de difícil solución por falta de visión clara do asunto e nula capacidade de reacción. Pola nosa banda, seguiremos na nosa liña de actuación coa Xustiza, que parece ser a única eficaz.
Lugo a 3 de Marzo do 2010
Fdo. Marcos Bourio Corral
Asociación pola defensa do Parque Rosalía
www.parquerosalia.es
+ de 12.500 firmas
< voltar
|