Pintadas reparables, outras imborrables
Ángel Álvarez Ceide
(publicado en 'El Progreso', 21/2/08)
Certamente, o señor Lino González ten toda a razón ao queixarse das pintadas inferidas ao Parque Rosalía de Castro. Pero non é menos certo que a desidia mostrada nos últimos anos cara a este ben público serviu para devalualo ata o límite de converterse en obxecto de agresións e usos inapropiados: botellón, pintadas, roturas do mobiliario...
Por tanto , se aqueles que representan á sociedade non mostran respecto nin interese en restaurar un 'lugar emblemático' da nosa cidade, inconscientemente, incitan a que o resto dos cidadáns tampouco lle dean o valor merecido. En consecuencia, autoridades municipais, pensen que co seu pasotismo axudaron a fomentar esta falta de educación. 'Daqueles pos veñen estes lodos...'. Entón, de que se sorprenden? Dito isto, hei de recoñecer que, aínda que os feitos e actuacións aos que me refería anteriormente son reparables en calquera momento, hai 'pintadas' que poderán ser imborrables na posteridade. Todo isto é grazas fundamentalmente á pasividade das institucións, gobernantes, autoridades, do tipo que sexan. En concreto, as seis torres de nove pisos de altura que pretenden construír pegadas ás costas do parque: ¡por favor, non cometan o mesmo agravio contra o parque Marcos Cela permitindo que unha mole de cemento arrase co 19% do mesmo, que non é pouco!
< voltar |