O Parque
Claudio Rodríguez Fer
O parque instaura un tempo
de fugaz eternidade nos matices
do único que en Lugo permanece sempre.
Acaso o pavo real é todo o parque
cando desplega a cola en primavera:
o estanque dos peixes de cores,
as fontes, a lagoa dos cisnes
e das ocas, a ponte que atravesan
os parrulos brancos, o mapa
de cemento, o palco, o mirador ao río,
o pombal e as pombas,os paxaros
os nenos xogando nos columpios,os vellos
paseantes,as parexas felices,
os sempre solitarios,os leitores
de Jammes, os amantes das árbores,
a sombra das bandadas sobre a area.
O parque necesita do paseo
para saber que existe
e para revivir as pisadas
de todos os seus visitantes de antano.
Por iso prefiro este parque en outono
cando a humidade se pousa
sobre os troncos e as pedras
e as follas das árbores caen como sombras
dunha malenconía que descoñece a nostalxia.
Os parques son como un aroma
no que se estanca o gosto polo efímero.
Cando o gris se erga dos bancos
que arrodean os plátanos do palco
terán transcurrido milenios en minutos.
O estorniño do porche deten fugaz o canto.
Quixera ser liquen sobre a pedra en inverno
e así habitar o parque por centurias.
< voltar |