Segue en curso o Contencioso pola defensa das vistas do Parque
(5/3/08) Nos últimos días semella haberse xerado entre parte da poboación de Lugo a sensación de que o recente auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, denegando o recurso que pedía a paralización cautelar da urbanización nas Costas do Parque, é interpretado como unha sentenza firme a favor das edificacións. Por elo é preciso matizar que o Contencioso interposto pola asociación segue o seu curso nun proceso que pode chegar a prolongarse, o xuízo aínda non tivo lugar e queda moito marxe de manobra para actuar sendo agora cando se abre o período de presentación de probas e traballos técnicos que mellorarán e reforzarán os argumentos do recurso.
O lugar escollido para a información ós medios foi a sala do Uxío Novoneyra, na que ten lugar a exposición 'Un Xardín na Memoria' adicada ó Parque Rosalía, polo que proveitamos o acto para lembrar coas fotografías tomadas desde a pérgola, o impacto que poderían chegar a producir os edificios.
Nestes días comenzamos tamén unha campaña mediante buzoneo e reparto na rúa, dun boletín informativo sobre as responsabilidades das distintas administracións implicadas neste proceso e os motivos do Contencioso interposto pola asociación.
No boletín explícase un feito que resulta especialmente grave i é que este proxecto puido evitarse sen custo algún para o Concello, xa que o constructor non presentou o proxecto en plazo e iso deu lugar a perda de dereitos edificatorios no ano 1995. Desde esa data e ata o ano 2003, os equipos de goberno do Sr. García Díez co señor Arias Roca como concelleiro de urbanismo, e posteriormente o equipo do Sr. Orozco co Sr. Besteiro puideron como dicíamos, evitar esta aberración sin necesidade de indemnizar o promotor dado que el mesmo incumpriu os prazos para a presentación do PERI.
Abórdase tamén a responsabilidade que ten a Consellería de Cultura e a necesidade de intervención a nivel xudicial xa que, como vimos reiterando, o Concello nunca solicitou a este organismo o informe que era preceptivo por atoparse a unidade no radio de protección de bens catalogados como o Sanatorio Portela e as Termas Romanas. Por outra banda, esta consellería tamén debe actuar polo non acatamento do Concello a súa orde de paralización emitida ó comezo da urbanización.
< voltar | boletín informativo
|