O Xulgado paraliza a urbanización do Parque e ve indicios de varios delitos
(26/11/10) O Xulgado de Instrución nº 1 de Lugo ven de emitir auto no que se ordena a paralización cautelar do proxecto das costas do Parque Rosalía. É para nós unha satisfacción comprobar que o traballo levado a cabo desde fai case cinco anos, así como o apoio mostrado por numerosas persoas e colectivos, segue dando os seus froitos e demostrando unha vez máis que foron moitas as informacións por parte do equipo de goberno cara á poboación de Lugo que, a instancias de órganos xudiciais, vanse cuestionando de forma cada vez máis clara. O auto fai referencia a posibles delitos de prevaricación administrativa, prevaricación urbanística, coñecemento de ilegalidades na concesión da licenza, omisión do deber de perseguir delitos e numerosas transgresións que se detallan nas páxinas 8 a 17 do documento; no mesmo se solicita informe á Garda Civil sobre o custo que suporía executar a demolición do construído.
> auto de paralización do Xulgado | información de 'La Voz'
A asociación do Parque cre que o edificio do Garañón afecta a zona verde
(27/5/10) A Asociación na defensa do Parque estuda cos seus asesores legais un perfil da polémica urbanización da unidade de actuación CS-5 (leira O Garañón) que cre que pode ter unha incidencia decisiva na evolución deste asunto. Entende este colectivo que o único edificio levantado ata o momento (aínda está sen acabar) podería estar parcialmente sobre unha franxa de terreo de dominio público cualificada como zona verde no PGOU.
> información de 'La Voz'
Manifestación contra a destrución do territorio o 21 de marzo en Santiago
(10/3/10) Pola defensa do litoral, por unha ordenación racional do territorio, pola soberanía alimentaria e enerxética e por outro modelo de transporte, a plataforma Galiza Non Se Vende convoca a esta manifestación que terá lugar o vindeiro domingo 21 con saída as 12:00 h. na Alameda de Santiago. Esta concentración segue ás realizadas nos tres últimos anos por este movemento do que forman parte máis de sesenta colectivos de toda Galicia. Para maior información sobre a manifestación e as actividades da plataforma Galiza Non Se Vende, podes consultar a seguinte ligazón.
> web Galiza Non Se Vende
Termina sin acordo a reunión sobre a construción nas Costas do Parque
(5/3/10) Sen acordo nin previsións de que sigan as negociacións. Así finalizou onte a segunda, e probablemente última, reunión da comisión creada para tratar de reordenar a edificabilidade na unidade de actuación CS-5, ao pé do parque Rosalía. Asistiron representantes da empresa promotora, dos grupos municipais e da Consellería de Cultura, así como técnicos do Concello. As alternativas do goberno local foron rexeitadas por populares e nacionalistas, mentres que o promotor abriu a posibilidade (na primeira reunión non a aceptaba) de que unha parte da edificabilidade fose transferida a outro emprazamento.
> información de 'La Voz': nova 1 | nova 2 | nova 3
A asociación non participará na reunión da CS-5 convocada polo Concello
(3/3/10) A continuación podedes ler a nota remitida ao Concello de Lugo na que asociación expón os motivos polos que non acudirá a reunión convocada para o próximo día 4 de marzo. A falla de vontade mostrada neste tempos para buscar unha solución aos problemas legais da unidade CS-5 así como de República Arxentina 8, a demora e posterior cambio de data desta segunda reunión e a escasa capacidade mostrada para a resolución dun conflicto que pode traer perxuicios moito maiores a Concello, promotor e compradores, fai que a asociación decida non acudir a mesma e seguir na vía xudicial.
> ampliar
Oposición ao cerramento do Parque
(11/2/10) A Asociación pola Defensa do Parque Rosalía de Castro, diante das manifestación do Concello de Lugo, en referencia a intención de cerrar o Parque Histórico da nosa cidade, queremos mostrar a nosa mais enérxica repulsa a este Acordo do goberno, porque pensamos que os cartos que costaría tal actuación (2,4 millons de euros, segundo a Sr. Alcalde) poderian axudar a solucionar as necesidades económicas que nesta crise padecemos.
> ampliar
Anulado o plan urbanístico do proxecto nas Costas do Parque
(21/9/09) Desde a Asociación pola defensa do Parque Rosalía, queremos darvos a que para todos gustaríanos fose a mellor das noticias desde que, fai máis de tres anos e medio, empezamos a nosa actividade para evitar o que case todos sabiamos que era un despropósito e un dos maiores erros urbanísticos que se podían cometer en Lugo. É para nós unha inmensa alegría podervos informar da sentenza emitida polo Xulgado do Contencioso de Lugo, na que se anula o proxecto de urbanización da unidade de actuación CS-5 nas Costas do Parque Rosalía.
> ampliar | sentenza do Contencioso | información de 'La Voz' | información de 'El Progreso'
As miradas asoballadas
(20/5/09) Para isto sr Alcalde, para isto señor Xuíz, para isto, señores políticos, para isto señores especuladores, non eran necesarias tantas miradas perdidas, alá onde o pai Miño pasa orgulloso regando o bosque da nosa memoria, o bosque das nosas raíces, o bosque sagrado de noso ser. Moitos despropósitos leva xa este val da tranquilidade, onde o río limpa as nosas almas ao seu paso, onde o río trae e leva as nosas ilusións ás augas lendarias dos atlantes. Tanta mirada, ensimismada, solitaria, acompañada, cómplice, inocente, desvalida, animosa, valente.
> ampliar
Reportaxe do Parque en España Directo
(22/4/09) No seguinte vídeo, podes ve-la reportaxe que o programa España Directo emitiu sobre o problema da construcción nas Costas Do Parque.
Veciños denuncian que as vivendas sociais de Fermín Rivera incumpren a normativa
(13/1/09) A plataforma veciñal de A Ponte presentará en breve unha denuncia no xulgado por considerar que as vivendas sociais construídas na rúa Fermín Rivera son ilegais por incumprir a normativa, destacou no día de onte o portavoz dos denunciantes, José Antonio Jubón. Un informe técnico expón as deficiencias constructivas graves nas 41 vivendas, xa que un talude xera un risco permanente debido a desprendementos de rocas, corrementos ou derrubes.
> información de 'La Voz': nova 1 | nova 2
A Xustiza da ultimátum a Abel Caballero para que derribe unha urbanización en Vigo
(28/12/08) O alcalde de Vigo podería incorrer en desobediencia á Xustiza se non ordena a demolición da urbanización Outeiro de Castrelos, coñecida como Piricoto, segundo ordena o Tribunal Supremo. Os veciños que promoveron o preito reclaman a execución da sentenza, sendo unha situación que se podería dar no caso do Parque Rosalía con grave prexuízo para as arcas municipais se o Concello non busca alternativas (fotografía de 'La Voz').
> información de 'La Voz'
O informe dun perito xudicial confirma as irregularidades no proxecto do Parque
(17/12/08) A asociación deu hoxe na sala Sargadelos unha rolda de prensa para informar da situación do proxecto de construcción aprobado polo Concello para as Costas do Parque. Nela falouse do proceso xudicial que se está levando a cabo con dous contenciosos presentados (asociación e Consellería de Cultura) e da ordenación da zona co novo PXOM, que lle da aínda unha maior edificabilidade que o anterior plan. Abordouse como tema principal as irregularidades do proxecto postas de manifesto polo informe dun perito xudicial designado polo Xulgado do Contencioso de Lugo: accesos á urbanización non previstos, incumprimento da normativa de accesibilidade, falla de informes das administracións, etc.
> informe do perito xudicial
As asociacións de Lugo queixanse do trato recibido polo Concello
(18/11/08) O Consello de Asociacións Socioculturais de Lugo expresou a súa indignación pola anulación da Feira de Asociacións que ía ter lugar no mes de setembro co suposto apoio da Concellería de Cultura do Concello de Lugo. O acto que xa fora posposto en data anterior sin ter en conta o traballo dos colectivos lucenses, foi finalmente suspendido con motivos que o Consello prefire non comentar por mor de dar unha imaxe todavía pior da Concellería de Cultura.
> nota do Consello de Asociacións Socioculturais de Lugo
'I Samaín Antiespeculativo' por outro modelo urbanístico para Lugo
(31/10/08) Para conmemora-lo Samaín, o colectivo ‘Madia Leva’ e a ‘Asociación pola defensa do Parque Rosalía’ fixemos un percorrido saíndo desde a pérgola do Parque deixando un cabazo cunha vela no seu interior e unha placa naqueles lugares máis próximos ó centro de Lugo, lembrando algúns dos erros urbanísticos máis agresivos co patrimonio como as construccións xunto ó Sanatorio Portela ou a ronda da Muralla, o derrubo do convento das Salesas, do Seminario Menor, mesón de Aguiar ou o Gran Teatro. O itinirario rematou coa colocación dunha placa xunto ás torres do Seminario, lembrando estes erros para que non se repitan nun futuro. A continuación tivo lugar unha cea no local de ‘Madia Leva’.
Cultura presenta contencioso contra a licenza de obra nas Costas do Parque
(6/6/08) O diario 'El Progreso' informou que os servizos xurídicos da Xunta de Galicia a instancias da Consellería de Cultura, veñen de presentar recurso contencioso administrativo contra o acordo do Concello que concede licenza de obra para a construción da primeira fase do proxecto nas Costas do Parque Rosalía, segundo informaron fontes do propio Goberno galego.
> información de 'El Progreso'
Nova entrega de firmas no Concello superando as 12.000 contra o proxecto
(5/6/08) A asociación fixo unha nova de entrega de firmas no rexistro do Concello, coa que xa se superan as 12.000 contra o proxecto de construcción na Costas do Parque. No acto tamén se informou ós medios dos motivos de presentación dun recurso de reposición á licenza de obra outorgada polo Concello a finais do mes de marzo, así como das novas actuacións que se levarán a cabo nas próximas datas.
A asociación impugnará a licencia e agarda a intervención da Consellería de Cultura
(28/3/08) En rolda de prensa na Sala Sargadelos, a asociación anunciou que recurrirá xudicialmente a concesión de licencia polo Concello para o proxecto de construción nas Costas do Parque (unidade CS-5). No acto tamén se deu conta do informe da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo, e na que os integrantes da mesma acordaron por unanimidade informar desfavorablemente sobre esta grave actuación para o Parque.
> ampliar | informe da Comisión de Patrimonio | informe de Cultura
Segue en curso o Contencioso pola defensa das vistas do Parque
(5/3/08) Nos últimos días semella haberse xerado entre parte da poboación de Lugo a sensación de que o recente auto do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, denegando o recurso que pedía a paralización cautelar da urbanización nas Costas do Parque, é interpretado como unha sentenza firme a favor das edificacións. Por elo é preciso matizar que o Contencioso interposto pola asociación segue o seu curso nun proceso que pode chegar a prolongarse, o xuízo aínda non tivo lugar e queda moito marxe de manobra para actuar sendo agora cando se abre o período de presentación de probas e traballos técnicos que mellorarán e reforzarán os argumentos do recurso.
> ampliar | boletín informativo
Por un PXOM transparente. Por unha nova exposición ao público: Pleno Cidadán
(4/3/08) Coincidindo coa celebración dun Pleno ordinario do Concello, a Plataforma 'Lugo: a mellor cidade do mundo!!!' celebrou un 'Pleno Cidadán', para denunciar a indefinición no proceso de tramitación do Plan Xeral, debido á falta de transparencia por parte do Concello: as máis de 6000 alegacións dos veciños inda están por respostar e non se ten información oficial da data de aprobación provisoria do Plan e a resposta ás alegacións.
> ampliar | web Lugo: a mellor cidade do mundo!!!
Exposición 'Un Xardín na Memoria' e concentración no Uxío Novoneyra
(20/2/08) A exposición 'Un Xardín na Memoria' adicada á historia do Parque Rosalía de Castro e organizada polo Concello, inagurábase o pasado mércores e como era a nosa obriga, alí estivemos para seguir reivindicando a paralización do grave proxecto de edificación previsto para as Costas. Aproveitamos a ocasión para seguir recollendo firmas na rúa e falar coa xente que se achegaba moi en desacordo coa esta equivocada actuación.
> ampliar | web do Concello
Manifestación de 'Galiza Non Se Vende' en Santiago
(17/2/08) Os máis de 60 colectivos da rede Galiza Non Se Vende na que se atopa a Asociación do Parque, Adega ou Sos Caurel, participamos nunha ‘mani, festa, acción’ en Santiago na que se amosou o rexeitamento a degradación do territorio e a política medioambiental do bipartito na Xunta. En negativo, o escaso eco que se quixeron facer a maioría dos medios dun acto que reuniu a preto de 10.000 persoas chegadas de toda Galicia.
> ampliar | web Galiza Non Se Vende
A comparsa do Parque premiada cun accésit neste Entroido
(5/2/08) Por segundo ano, a comparsa da asociación participou no concurso de disfraces e comparsas organizado polo Concello, que tivo lugar o pasado martes. Á recreación da pérgola do Parque acompañada das árbores, sumáronse este ano as novedades dunha nova ponte sobre o Miño protexendo o Marcos Cela e ata un AVE. O desfile foi seguido por numerosos lucenses que se achegaron a ver as moitas e divertidas creacións dos participantes.
> ampliar | letra da canción 'A Carolina'
Acto sobre o PXOM de 'Lugo: a mellor cidade do mundo!!!'
(24/1/08) Coa asistencia dunhas 400 persoas, o xoves 24 tivo lugar no salón de actos do Instituto Politécnico o primeiro acto da plataforma 'Lugo: a mellor cidade do mundo', convocado por ADEGA, Amigos do patrimonio de Castroverde, O Carballo, Asociación pola defensa do Parque Rosalía, Valle-Inclán, Federación de Asociacións Veciñais, LugoPatrimonio e UNAVE (Unión de Asociacións Veciñais).
> ampliar | web Lugo: a mellor cidade do mundo!!!
Presentación en Santiago da rede 'Galiza Non Se Vende'
(17/11/07) Onte venres tivo lugar no Clube Internacional de Prensa en Santiago, a presentación da rede 'Galiza Non Se Vende' na que se integra a Asociación do Parque. A Rede Litoral Vivo, impulsora da manifestación do 6 de maio en Santiago contra a degradación do territorio, ábrese a novos colectivos que até entón non estaban representados na que foi a primeira agrupación unitaria de organizacións ecoloxistas e colectivos cidadás.
> ampliar | web Galiza Non Se Vende
Presentado recurso Contencioso polo proxecto nas Costas do Parque
(2/10/07) Con data 10 de setembro de 2007, a Asociación presentou recurso Contencioso-administrativo no que se impugna a aprobación definitiva do Proxecto de Urbanización de 14 de febreiro de 2007, a través dunha impugnación do Plan Especial de Reforma Interior (PERI) da Unidade de Actuación CS5 (Costas do Parque), tal e como se veu anunciando en varias ocasións ao longo destes máis de dous anos de loita contra o maior exemplo de especulación urbanística realizado en Lugo.
> ampliar
Réplica ao artigo de Suso Varela en La Voz, 'Ruído'
(15/9/07) Na súa columna de xoves 13 de setembro titulada 'Ruído', fai vostede unhas declaracións que desde a Asociación na defensa do Parque Rosalía de Castro só podemos entender como froito da súa falta de información, algo realmente preocupante nun xornalista, sobre todo na nosa cidade, pois basta cunha simple chamada telefónica para porse ao día.
> ampliar
A Carballeira de San Fiz e a sensibilidade do Concello
(8/8/07) Desde a Asociación queremos facer público o noso rexeitamento ante a decisión do Concello que permitiu a desaparición doutro lugar emblemático para Lugo como era a Carballeira de San Fiz, un lugar con especies centenarias na que os veciños do barrio celebraban as súas festas e que como consecuencia dunha nova falta de vontade para buscar alternativas por parte do Concello, xa pasou a formar parte da historia.
> ampliar